Portal de tu Ciudad Alta

22/12/2012

A FOLLA MÁIS ALTA

📍 Teatro Principal Rúa Nova 21

🎟️ 5 euros / entrada familiar: 4x3 (15 euros)

Horario: 18:30

A folla máis alta é unha aposta polo xogo, un xogo que transforma as palabras en pequenas historias nas que contamos que fomos nenos antes de ser adultos, e que tiñamos grandes soños, grandes amigos, unhas ganas enormes de medrar para comernos o mundo, para morder a folla máis alta da árbore, a máis verde, a máis fermosa, e que cando medramos nos decatamos de que sempre hai unha folla máis alta, e que esa folla sempre é a máis verde e a máis fermosa, porque nunca poderemos chegar a ela e así seguiremos mantendo esas ganas enormes de seguir medrando e quen sabe se, por fin, mordela.

Con este espectáculo, Berrobambán quere ofrecer unha dobre mensaxe dependendo da idade do espectador. Un espectador adulto verá nel unha procura dos soños, dos desexos máis agochados que nunca debéramos —nin debemos— perder cando nos facemos maiores. Aos espectadores infantís falámoslles desde a nosa infancia para amosarlle que, en realidade, se os adultos non deixáramos de perseguir os nosos soños non seriamos tan diferentes deles. É isto o que o fai un espectáculo diferente, capaz de sorprender, divertir e emocionar tanto a maiores coma a pequenos.

A folla máis alta aposta pola esencia como un valor seguro, como froito do traballo de desbotar o artificio e a impostura que en tantas ocasións só consegue distraer, disfrazar, ou agochar. Un bo exemplo é a orixinal e coidada escenografía a base de papel e caixas de cartón: Papel, porque A folla máis alta parte do universo do poemario Contatrás e quixemos que remitise ao papel, papel enteiro, papel en anacos, papel escrito, papel en branco, coma unha metáfora do que imos escribindo, conservando e desbotando, do que imos sendo, das vivencias que son as escriben a nosa vida, do paso do tempo. A caixas de cartón, pintadas con pintura de lousa, poden ser debuxadas con xis e despois borradas, poden ter varias caras, poden xuntarse coma un quebracabezas e ir construíndo decorados, atmosferas, poden ser abertas e gardar sorpresas, ou simplemente ser amoreadas, do mesmo xeito no que as nenas e os nenos, despois de abrir un agasallo, descobren que a caixa tamén lles ofrece infinitas posibilidades de transformación, e este é o verdadeiro xogo, o que nos vai permitir os momentos máxicos nos que das caixas pode saír calquera cousa.

Xunto co texto e coa escenografía, a música e as coreografías son outra das bases deste espectáculo. Carlos López creou a música case exclusivamente composta a partir de instrumentos de percusión que se tocan en directo, sacándolle o máximo rendemento á capacidade expresiva de cada un deles. David Loira levou adiante o traballo de dirección de coreografías de movemento escénico, que enriquecen e estilizan a interpretación dos actores, ademais de suxerir o exotismo de lugares como África ou a India, evocados nos propios textos.