Portal de tu Ciudad Alta

04/10/2012

JANE JOYD

📍 Zona "C" San Domingos de Bonaval 1

🎟️ 8 euros máis gastos distribución (anticipada) / 10 euros (día concierto)

Horario: 21:30

Non deberiamos ver a proliferación de artistas femininas, máis ou menos enmarcadas no folk, unicamente como unha moda. Detrás dos fenómenos mediáticos hai un barullo molesto para o público ao que só lle interesa a música. Pero ás veces, cando todo orbita ao redor dun formato ou dun artista concreto, tamén descubrimos talentos que se cadra non terían tido unha oportunidade se o contexto fose distinto. A da coruñesa Elba Fernández chegou na edición do pasado ano do Proxecto Demo, o concurso que busca novos valores organizado polo Festival Internacional de Benicàssim e Radio 3.

Elba fai música como Jane Joyd, un nome sacado dunha curtametraxe que conta a tráxica vida dunha estrela do cinema; un detalle que dá pistas sobre o tipo de historias que lle interesan. Presentouse cunhas cancións rexistradas uns meses antes nos Estudos Abrigueiro de Lugo polo mero feito de ter algo gravado, segundo contou. E dese modo, sen grandes ambicións, coma se fose un paso máis no proceso de chegar a ter unha voz propia, acabou levando o triunfo e tocando no festival castellonense. Desde entón, a cálida acollida que recibiu a súa música empuxa unha carreira que avanza lentamente, aínda que con máis inconformismo e intelixencia que a de moitas das artistas coas que foi comparada.