Portal de tu Ciudad Alta

22/05/2014

PEQUENOS ACTOS PSEUDORREVOLUCIONARIOS

📍 21:00 Teatro Principal

🎟️ 10 euros

Unha historia de amor entre un mozo e unha moza que se coñecen cando ela vai a un comercio e pide un orzamento para mercar unha cantidade desproporcionada de pintura rosa; namóranse cando rouban un Papá Noel luminoso da decoración pública do Nadal, e pasan unha crise de parella cando veñen de sacar todos os cartos do banco. É evidente que nos enganan e nos manipulan. Só interesamos como consumidores ou como votantes, que é o mesmo. Como podemos cambiar esta situación? Pasando á acción. Tomando a revancha pola nosa conta. Non seremos quen de darlle a volta ao sistema, pero podemos darnos pequenos caprichos. Como? Levando a cabo pequenos ACTOS PSEUDORREVOLUCIONARIOS que non serven para cambiar o mundo pero fan que quedemos máis tranquilos.

Premios María Casares 2013. Mellor texto orixinal. Mellor actriz protagonista
Un espectáculo cómico-político-absurdo baseado nuns textos escritos a partir dun proceso de investigación e creación colectiva, protagonizados por dous personaxes que deciden emprender accións de protesta de xeito privado e individual para expresar o seu desacordo con institucións públicas e privadas ante as cales non atopan outro medio de manifestarse, aínda que con estas iniciativas non vaian solucionar "nada". Unha comedia romántica situada nun contexto de accións revolucionarias e construída a través de diálogos cargados de connotacións políticas, que reflicten o ambiente de descontento e a necesidade de cambios sociais que vive unha gran parte da poboación a nivel europeo.
Unha estética orixinal que recrea o universo dos xogos da nosa infancia: o escenario está inzado de clicks de Famóbil, e os actores van vestidos e caracterizados exactamente igual ca dous deles, mentres manexan billetes do monopoly, un Papá Noel roubado da iluminación de Nadal, unha cinta de correr, etc...
Unha posta en escena multidisciplinar que incorpora soporte audiovisual, de xeito que os actores empregan unha cámara como se fose unha lupa de gran aumento, para que o público poida ver os clicks  ampliados nunha pantalla no fondo do escenario. Unha maneira de que os PEQUENOS ACTOS se convertan en grandes acontecementos.