Portal de tu Ciudad Alta

02/05/2014

FANFARE CIOCARLIA

📍 21:00 Teatro Principal

🎟️ 15 euros (anticipada) / 20 euros (taquilla)

Fanfare Ciocarlia é unha orquestra xitana de metais provenientes dun pequeno pobo no noroeste de Romanía chamado Zece Prajini. A súa enerxía e enxeño conquistaron os escenarios de todo o mundo. Ao herdar a súa profesión de músicos e os seus instrumentos dos seus pais e dos seus avós, toman cada concerto como unha competición na que teñen que demostrar porque chegaron ao lugar destacado no que se atopan hoxe e porque se converteron nos responsables de manter vivo o verdadeiro espírito desta música. Cando a Fanfare Ciocarlia sobe ao escenario o público pode estar seguro que o que vai escoitar é autentica e verdadeira música xitana (“gypsy music” ou ” balkan music” como se fixo internacionalmente famosa)

Esta formación provén do pequeno pobliño , Zeca Prajini, no noroeste de Romanía. É neste lugar illado do mundo, situado nun val semioculto pola bruma, ao que se accede por camiños sen asfaltar, apenas transitados, que ocupan familias de gansos e de cabalos, é alí, onde aínda hoxe viven unhas oito familias de xitanos que se dedican á agricultura ao xeito tradicional dos campesiños sometidos ao ritmo de cada estación climática. Este illamento mantívolles sen moitas noticias do mundo exterior durante a época comunista pero á vez permitiulles conservar intacta a antiga tradición otomá de acompañar con orquestras de metais (brass bands), desfiles militares, as vodas e os funerais, algo que no resto de Romanía practicamente desapareceu. Un día apareceu por alí un mozo alemán, apaixonado pola música, que se convertería no súa descubridor e que hoxe é o seu produtor, Henry Ernst.

Así foi como en 1997 Fanfare Ciocarlia (Ciocarlia significa "canto de alondra"), conquistaría Europa , volvendo tola a unha audiencia na que convivían punks con crista, skins coa cabeza rapada, amantes do jazz, do funk, da world music ou simples afeccionados en busca de música que soe auténtica. Ata chegaron a actuar nos sagrados templos da música clásica. Os membros desta formación, aínda que só falan un dialecto local do "romaní" (idioma xitano), utilizan a linguaxe internacional da música e é que a música de Fanfare Ciocarlia é algo novo que non existía antes. Os discos da Fanfare Ciocarlia introduciron os ritmos balcánicos nas pistas de baile dos clubs de todo o mundo e os espectadores responden ao poderoso "funk balcánico" convertendo os concertos en auténticas festas. Así sucedeu tamén en Norteamérica, Xapón e Australia.

KAIRA MUSICA. Ese ritmo vertixinoso que rompe e racha, a forma de colocar a súa boca e os seus beizos na boquilla do instrumento, o son suave e áspero á vez das súas trompas, fanos completamente diferentes a calquera outra orquestra de metais do mundo. Calquera que presencie un concerto deles pode asegurar que non viu nunca tocar a ningunha fanfarra como o fan eles.

Paralelamente ao éxito obtido entre os críticos especializados e os medios en xeral Fanfare Ciocarlia participaron en varias películas de cine (“Contra la pared” de Fatih Akin, Princes Amongst Man , Borat, ou “Crimen Ferpecto” de Alex de la Iglesia) ademais de ser sampleados, copiados e imitados por centos de dj's, artistas rebotados do rock e do indie, directores de cine en paro e fanfarrias da competencia. A súa radical interpretación de clásicos da música occidental como o tema central do "Agente Secreto 007” ou o tema "Caravan"de Duke Ellington mostran a súa capacidade para poñer o seu selo naquilo que tocan.

A Fanfare editou ata a data oito discos discos, a maioría deles colocados nos primeiros postos das listas de world music. O próximo será o noveno co título “Devil’s Tale” . Na Fanfare Ciocarlia se confronta co guitarrista canadense Adrian Raso, virtuoso do jazz. Ademais participaron en dúas superproducións musicais como “Gypsy Queens & Kings” que xuntou no mesmo escenario aos mellores músicos xitanos e "Balkan Brass Battle" que enfrontou cara a cara aos rumanos coa coñecida orquestra serbia ” Boban i Marko Markovic Orkestar ” nunha pacífica  liorta musical que recorreu os máis prestixiosos festivais internacionais. En España déronse a coñecer no inesquecible espectáculo “El Tiempo de los Gitanos” no que se intercalaban entre os inesquecibles Taraf de Haidouks, Esma Redzepova e Los Gitanos de Rajastán. O seu DVD “Brass On Fire” foi sinalado pola revista especializada  "Songlines" como un dos documentais musicais máis innovadores.