Portal de tu Ciudad Alta

19/03/2014

Neil Halstead + Kezia

📍 20:30 Teatro Principal

🎟️ 15 euros máis gastos distribución (anticipada) / 18 euros (taquilla)

O músico británico Neil Halstead, figura do folk rock actual, achégase a Santiago de Compostela, acompañado de banda, na que será a súa primeira visita a cidade. Líder de grupos emblemáticos das dúas últimas décadas, coma Slowdive e Mojave 3, recreará na seu concerto no Teatro Principal o debut homónimo The Velvet Underground & Nico. Abrirá o concerto Kezia.

Para visualizar a visita podemos pensar nun triángulo cos seguintes vértices. No primeiro situamos ao músico británico, cuxa dilatada carreira evolucionou constantemente, pasando de capitanear a Slowdive, unha das bandas máis importantes de shoegaze dos 90 a converterse con Mojave 3 en referente da chamada americana británica, coma se do fillo dun matrimonio entre Gram Parsons e Nick Drake se tratase. A súa carreira en solitario despegou coa disolución desta última formación e dende entón son xa tres os traballos que asinou co seu nome.

No segundo vértice temos un dos albumes clave do século XX. Unha obra rompedora que revolucionou as sonoridades da música popular contemporánea e que se mantén coma referencia para creadores de todo o planeta. Dise de ‘The Velvet Underground & Nico’ que todo aquel que o mercou formou unha banda, pode que sexa certo, pero o que é indiscutible é que a obra auspiciada por Andy Warhol, teno todo para ser un clásico: a rabia rockeira e aspiracións literarias de Lou Reed, a afinidade polas disonancias de John Cale, os fraseos de Sterling Morrison, os ríxidos ritmos de Maureen Tucker e coma enigmático complemento, a voz da alemá Nico. E todo cunha das portadas máis recoñecibles da historia do rock, a do plátano, asinada por Warhol. A obra dos de Nova York resulta unha magnífica elección por parte de Neil Halstead á hora de render tributo a un clásico do rock, xa que confronta o sosegado estilo do músico británico cunha obra chea de tensión e claroscuros á que extraerá todo o seu potencial acompañado dunha excelente banda.

Abrirá o concerto, Kezia, británica debutante, que cun estilo que oscila entre o folk e o blues polo camiño do country, será o contrapunto perfecto ao que se nos virá encima.

E pechando o triángulo temos ao ciclo Baixo a vide. Concertos con Denominación de Orixe, unha proposta que une a música máis actual e a cultura vinícola galega. Deste xeito, varias adegas das diferentes denominacións de orixe de Galicia acollen uns concertos moi especiais, no que xa participaron artistas destacados tanto a nivel nacional como internacional, como Señor Chinarro, Xoel López, Robyn Hitchcock, Damien Jurado ou Laetitia Sadier entre outros.