Portal de tu Ciudad Alta

02/12/2009 – 28/02/2010

Exposición do VI Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas

📍 Auditorio de Galicia. Avda. do Burgo das Nacións, s/n. 15705, Santiago de Compostela

Unha selección de 35 obras de entre o cento e medio de traballos presentados compón esta mostra. Entre as expostas están os traballos gañadores: 'Reflexos: réplicas (Diálogos en Unland)', de Holga Méndez obtivo o primeiro premio. Os catro accésits foron para Joan Morera pola obra 'Vigo-Dakar'; Tamara Feijoo Cid por 'Antropofaxia'; Damián Ucieda por 'Home gritando núm. I 'e para o colectivo FUR ALLE FALLE por 'Os Lolos 23F'.

O Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas naceu en 2001 coa vontade de dar enerxía e vitalidade á xuventude artística. O primeiro premio está dotado con 6.500 euros, os catro accésits con 1.500 euros cada un, e un accésit de 1.200 euros denominado Premio do Público que é elixido mediante a votación dos visitantes da exposición e que se coñece unha vez rematada a mostra. Ademais da dotación económica, o premio inclúe unha exposición no Auditorio de Galicia, cos traballos seleccionados entre todos os que se presentan en cada edición e que permanece aberta ao público durante dous meses.

A convocatoria deste premio tivo moi boa acollida entre os novos artistas: nesta edición presentáronse un total de 158 traballos a concurso. Nas edicións anteriores obtiveron o primeiro premio Raúl Pereira (no ano 2001), Lorena Gómez (2002), Rubén Ramos Balsa (2003), Pablo Pérez Sanmartín (2005) e Manuel Suárez Eirís (2007), quen tamén resultou elixido co Premio do Público.

A mostra está composta polas 35 obras seleccionadas nesta sexta edición, que pertencen aos seguintes artistas: Mª Covadonga Barreira; Borja Doel; Joan Morera; A Ama de casa; Sara Fuentes; Desperfecta; Nuria Villa; Ignacio García; Fruela Alonso; Holga Méndez; Mónica Cabo; Víctor Hugo Costas; Tamara Feijoo; Josetxu F. Cárcamo; Fran Miguens; Juan Varela; Damián Ucieda; Enrique Lista; Chas; Nicolás Combarro; Jesús Madriñán; Maribel Castro; Christian García Bello; Marcos Blanco; Dolores Fuertes; Mauro Trastoy; Eduardo Valiña; Jacobo Bugarín; Batbirulau; Nuria Ruibal; Olmo Blanco; Raquel Durán; Jorge Migoya; Olmo Cuña e Fur Alle Falle.