Portal de tu Ciudad Alta

13/08/2014 – 14/08/2014

Festival das Artes Escénicas de Riós

📍 Riós (Ourense)

Festival das Artes Escénicas de Riós 2014, que se celebrará o 13 e 14 de agosto na vila ourensá de Riós e que organiza a Asociación Cultural da Castaña. Esta edición acollerá a estrea de diferentes traballos de produción audiovisual galegos, entre os que se atopa a do tráiler de A Esmorga.

Para inaugurar a programación contarase con diversas proxeccións audiovisuais entre as que estarán a estrea da segunda temporada de Clases de lo Social e a do programa No mellor da Vida con Pepe Capelán. As curtametraxes tamén terán cabida no certame, con Amistad, de Alejandro Marzoa, e O coidador de gatos, de Fernando Cortizo. No apartado de cine para persoas con discapacidade inclúese a emisión de Todos Podemos Facer Cine con Estíbaliz Veiga.

A primeira xornada do día 13 rematará cunha verbena tradicional a cargo do `Colectivo Rebulir de Ramirás´ e `Coral Cantarela´.

Na `Ruta do Talento´, sección na que os persoeiros de renome que pasen por este evento deixarán a súa pegada física bautizando un castiñeiro, serán recoñecidos este ano Carlos Sobera e Carmen Avendaño, coa presentación de Manuel Mandianes e a actuación musical de Lucía Pérez e a Banda de Gaitas de Riós.

Esta séptima edición tamén contará cunha ampla oferta dirixida ao público infantil de diferentes idades con xogos, obradoiros diversos ou contacontos.

O festival rematará coa tradicional gala, no decurso da cal se fará entrega da Castaña de Cristal e que contará coas intervencións de Pedro Brandaríz, Fran Rei, Carlos Sobera, Carlos Blanco e Oscar Ibañez. Durante o acto tamén se emitirá o tráiler de `A Esmorga´, cofinanciada a través da Axencia Galega das Industrias Culturais cun investimento de máis de 300.000 euros e dirixida por Ignacio Vilar. A produción, a cargo de `Vía láctea Films´, leva á pantalla unha das historias máis representativas da nosa literatura, a obra cumio de Eduardo Blanco Amor, moi vencellada coa cidade de Ourense.

Para pechar a programación haberá un concerto de Lys Pardo, seguido da actuación de Grupo Triunfo e unha sesión do DJ Guti.