Portal de tu Ciudad Alta

02/02/2010 – 02/05/2010

Espectral

📍 Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) Rúa Valle Inclán, s/n.

🎟️ ENTRADA LIBRE

Unha relectura dos fondos do CGAC, na que se reúnen obras de medios tan distintos como o debuxo, a pintura, o vídeo, o gravado e a escultura, para abrir diferentes perspectivas sobre a memoria como sistema conceptual e perceptivo cuxa recepción a arte consegue densificar.

A exposición reúne obras de Helena Almeida, Paulo Brighenti, Berta Cáccamo, Sandra Cinto, Rui Chafes, John Chamberlain, John Divola, Jimmie Durham, Marcel van Eeder, Ceal Floyer, Rodney Graham, José Antonio Hernández-Díez, Marine Hugonner, Jannis Kounellis, Mark Mandelis, ana Mendieta, Jonathan Monk, Matt Mullican, Juan Muñoz, Carlos Nieto, Susan Philipz, Arnulf Rainer, Gregor Schneider, Valeska Soares, Montserrat Soto, Xavier Toubes, Antoni Tàpies, João Tabarra e Eulàlia Valldosera.

Desde as inmersións hipnóticas na imaxe de Matt Mullican, aquí documentadas cunha performance de 2003 en Zúric, até a produción enciclopédica e compulsiva dos debuxos realizados por Marcel van Eeden a partir da apropiación de imaxes mediáticas de acontecementos anteriores ao seu nacemento, Espectral non apela a unha linearidade formal ou xeracional, senón que subliña como os artistas recrean, a través do seu corpo ou da representación de espazos, formas de atraer ao espectador cara a aquilo que se podería denominar unha cartografía conceptual do intanxible.

Lonxe dos parámetros modernistas da autonomía do obxecto artístico, os autores aquí reunidos utilizan o corpo como índice, como proceso (tal é o caso de Ana Mendieta ou Helena Almeida). O espazo devén paradoxal, un real ficcionado, en Juan Muñoz e na casa primordial de Gregor Schneider; evocador dunha memoria premoderna en Paulo Brighentti e Berta Cáccamo, ou fantasmática, nas fotografías de Valeska Soares e na obra de Jannis Kounellis.