Portal de tu Ciudad Alta

12/03/2010 – 30/04/2010

A peza que falta

📍 Factoría Compostela Rúa da Conga, 9

'A peza que falta' é unha exposición colectiva formada por obras de Julião Sarmento, alain Urrutia, Zoé T. Vizcaíno, Stephan Hirsig e Álvaro Negro. O comisario, David Varro, reuniu unha serie de obras de narrativa crebada e cheas de fisuras, conformadas desde a omisión de datos para coquetear co imposible.

Advertímolo en encadres que cortan os rostros de Julião Sarmento, na súa serie de planos de arquitecturas acompañadas de escrituras inacabadas, ou no seu vídeo 'Parasite'. Tamén en Alain Urrutia, que mostra unha serie de imaxes sobre performances históricas baixo o título 'Aktionismus'. E en Zoé T. Vizcaíno, que rompe a quietude da paisaxe bruscamente a partir da creación dun abismo con forma de buraco.

Ese estado de paréntese ou elipsis encaixa tamén na pintura de Stephan Hirsig e en como esta é unha superficie con estrutura de campos de cores, raias xeométricas e formas orgánicas. Álvaro Negro pola súa parte é un artista capaz de analizar o xénero desde os desenvolvementos máis contemporáneos sen perder de vista a súa historia, é dicir, buscando na tradición os fíos condutores das problemáticas pictóricas máis actuais.