Portal de tu Ciudad Alta

18/03/2010 – 30/04/2010

Inauguración da exposición 'As misións pedagóxicas. 1931-1936'

📍 Casa das Asociacións Antiga estación Cornes, Avenida de Vilagarcía, 43

Esta exposición é un proxecto da Fundación Francisco Giner de los Ríos e está producida pola Residencia de Estudiantes. Nela colaboraron a Concellería de Participación Cidadá e o Museo Pedagóxico de Galicia. Poderá visitarse ata o 30 de abril.

A historia da Misión Pedagóxica de Galicia arrinca o 11 de agosto de 1933, baixo a dirección de Rafael Dieste. Comezaba unha viaxe que duraría seis meses e que percorrería as catro provincias galegas. Foi a actividade de maior duración de todas as que realizou o Padroado das Misións Pedagóxicas, que fora creado polo Goberno republicano o 29 de maio de 1931, co obxectivo de levar aos lugares máis afastados uns bens culturais que lles pertencían por dereito a todos os españois e non só aos que vivían nas cidades.

Esta exposición divídese en varios epígrafes que percorren dende os antecedentes desta experiencia ata os servizos que ofrecían as Misións Pedagóxicas: o Servizo de Bibliotecas, o Museo do Pobo, o Cine, o Coro e Teatro do Pobo, o Servizo de Música ou o Retablo de Fantoches, que naceu en terras galegas. Os habitantes das aldeas e das vilas ás que chegaron as Misións, así coma os intelectuais, pintores, escritores ou mestres que colaboraron nesta iniciativas, son os protagonistas da mostra.

A exposición tamén quere reflexionar sobre o que supuxeron as Misións Pedagóxicas para aquela mocidade de entón e o corte que produciu nas súas biografías o estalido da Guerra Civil.