Portal de tu Ciudad Alta

11/03/2010 – 23/04/2010

'Bancos de néboa', de Jesús Mª Cormán

📍 Espacio 48 Rúa do Vilar, 48

Nesta exposición Cormán retoma o tema da paisaxe, reinterpretándoo desde unha nova perspectiva. Busca novos camiños co fin de lograr unha correcta representación da vulnerabilidade da paisaxe, unha maneira de mostrar a súa fugacidade permanente e a súa natureza fráxil.

Para iso capta cada mínimo movemento, cada un dos imperceptibles cambios no tempo, pausados e tranquilos, que configuran unha realidade diferente, na que cobra unha maior transcendencia o concepto de tránsito, que se revaloriza, deixando ao carón a posibilidade de plasmar tan só un instante concreto.

Son os interesantes efectos da néboa, os seus curiosos contrastes cromáticos e lumínicos os que pretende captar Cormán nas súas representacións, que cargadas de lirismo, parecen transcribir un poema visualmente.

Jesús Mª Cormán (San Sebastián, 1966) estuda Belas Artes na Universidade do País Vasco. Desde os seus comezos interésase por diversas áreas de expresión artística, destacando nas súas facetas de compositor, poeta e pintor. Expón a súa obra con regularidade en diversas galerías de cidades como París, San Sebastián, Bilbao, Pamplona, Vigo, Madrid ou Glasgow, nas que mostrou a súa obra individual e colectivamente. Está presente en varios certames de Arco, na Feira de Arte de Colonia, en Art Chicago e, recentemente, en Art Madrid 2008. O mesmo ano presenta a súa obra na Ganbara do Koldo Mitxelena Kulturunea de San Sebastián baixo o título de 'Gabinete de Crise', unha mostra que marca un punto de inflexión na súa carreira.

Recibe en 1985 e 1986 o primeiro premio do Certame de Artes Plásticas do Goberno Vasco en Vitoria e en 1988 alcanza o 2º premio no Certame Nacional de Artes Plásticas concedido polo Ministerio de Cultura. A súa faceta como escritor tamén se viu recompensada, recibindo diversos premios como a Vila de Pasaia de poesía en 1985 e 2002, o Iparragirre Saria en 2004 e o VIN Premio Internacional de Poesía León Felipe en 2008. Ademais, compuxo letras para músicos contemporáneos, colaborando entre outros con Mikel Erentxun, con quen escribiu máis dun centenar de cancións.

A súa obra pictórica forma parte de importantes coleccións de diversos museos e institucións, entre outros do Goberno Vasco (Vitoria), da Deputación Foral de Guipúzcoa, do Museo de San Telmo, da Colección Kutxa (San Sebastián), do Bilbao Bizkaia Kutxa, do Museo de Belas Artes de Álava e da Colección Banco Central Hispano.