Portal de tu Ciudad Alta

16/04/2010

Inauguración de exposición de Gilberto Zorio

📍 Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) Rúa Valle Inclán, s/n.

Horario : 20:00

O CGAC inaugura unha exposición monográfica do artista Gilberto Zorio. A mostra destaca por incluír unha ampla selección de traballos que poucas veces foron reunidos nun único espazo museístico, así como polas súas espectactulares instalacións.

A mostra xorde da colaboración co MAMbo (Museo de Arte Moderna) de Bologna e está comisariada por Gianfranco Maraniello, director desta institución italiana. Poderá visitarse ata 27 de xuño no primeiro andar, baixo, dobre espazo e hall do centro.

O artista italianofoi un dos protagonistas do fenómeno da 'arte povera'. Segue a ser inspiración para diferentes xeracións de artistas na superación do concepto de arte como produción de formas acabadas e independentes.

Sensible aos cambios radicais nos modos de produción e á estética que deriva da dispoñibilidade de novos materiais e dispositivos da tecnoloxía avanzada, Zorio explora a fluidez, as propiedades elásticas, os compoñentes químicos e as reaccións físicas de produtos e substancias empregados pola ciencia e pola industria.

Este emprego de dispositivos eléctricos, de fluorescencias, incandescencias, luces estroboscópicas e raios láser predispón o visitante ao imprevisible e lévao a renderse ante a sorpresa dunha arte en continua transformación. Desde a escultura ata a instalación, Zorio concibe a relación co contorno como elemento compositivo.