Portal de tu Ciudad Alta

28/04/2010

Sesións vibracionais con Llorenç Barber e Montserrat Palacios

📍 Sala NASA Cabo Sam Lourenzo 51-53

🎟️ 5 €

Desde Valencia chegan dous dos músicos e teóricos máis recoñecidos no campo da música experimental. Na Sala Nasa presentan a peza 'Coser y cantar (dúo para máquina de coser Singer e voz)'.

Llorenç Barber é compositor, instrumentista e musicólogo. Foi profesor do Instituto de Estética de Madrid, desde 1992 dirixe "Paralelo Madrid", serie de concertos que O Círculo de Bellas Artes dedica ás outras músicas, e desde 1998 organiza as "Nits dAielo i Art", un festival anual dedicado á arte experimental.

Desde 1980 practica a voz difónica, a improvisación, a campanoloxía, a música plurifocal, a poesía fonética, os concertos urbanos con campás e a desmesura dos concertos "de sol a sol". Nos últimos anos e tras facer sonar máis de 150 cidades en Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Colombia, Cuba, Dinamarca, Eslovenia, Francia, Guatemala, Holanda, Italia, Inglaterra, México, Polonia e Portugal, os seus paisaxísticos concertos cidadáns enriquecéronse coa sonora inclusión de tambores, canóns, sereas, buques, fogos de artificio, así como de bandas de música distribuidas polo espazo.

'Coser y cantar (dúo para máquina de coser Singer e voz)' é a peza que presenta Monserrat Palacios, unha obra autobiográfica que tamén podería formar parte da biografía de moitas mulleres. É un dúo de fíos de voz, de afinacións suxeridas por un motor-diapasón que controlado co pé indicará distintas notas (tónicas) que servirán como afinación para o canto, e que determinará distintos ritmos segundo a intensidade da presión e os cambios de puntada. O feito lingüístico de que a palabra Singer signifique cantante, máis ca unha coincidencia é unha incitación para devir dúo performativo cunha máquina de coser que agora será unha máquina de cantar.