Portal de tu Ciudad Alta

27/01/2018 – 16/06/2018

Nexos 2018

📍 Cidade da Cultura, Santiago de Compostela

O ciclo de cultura contemporánea Nexos regresa en 2018 á Cidade da Cultura de Galicia da man, de novo, de Marcos Lorenzo e con cinco sesións, do 27 de xaneiro ao 16 de xuño, nas que se volverán combinar relatorios didácticos, amenos e distendidos a cargo de destacados expertos con innovadoras e vangardistas actuacións artísticas.
 
Carolina del Olmo, autora do coñecido libro ¿Dónde está mi tribu? Maternidad y crianza en una sociedad individualista, será a encargada de inaugurar esta sexta edición o 27 de xaneiro. Baixo o título A quimera da conciliación. Crianza, coidados e traballo doméstico no século XXI, a filósofa e xestora cultural abordará as dificultades na crianza das fillas e fillos e a situación dos coidados persoais nunha sociedade individualista.

A seguinte sesión de ‘Nexos’ será o 24 de febreiro e nela analizaranse as claves da explosión creativa na banda deseñada e animación en Galicia. Para iso contarase con dous grandes en ambos eidos: Alberto Vázquez, director de cine, ilustrador e debuxante de cómics e Manuel Cráneo, artista multidisciplinar director da editora e produtora cultural Demo e creador da marca multiplataforma Planeta Mincha.

Ademais, este relatorio verase complementado cun orixinal e divertido Combate de debuxantes. Inés Casarejos, Guille Debelius, Xulia Pisón e Dani Xove poñerán a proba a súa pericia ante os desafíos e trasnadas que lles proporá Xaime Lis, mestre de cerimonias.