08/01/2016
Este ano non haberá becas de estudo en USA
O concello está buscando unha alternativa despois de que quedará deserto o concurso ao cambiar os criterios sociais de admisión
Bolsas USA. A concelleira lamentou que o concurso público para levar a cabo o programa de Bolsas USA quedase deserto en dúas ocasións. “Na primeira convocatoria de concurso público que realizamos introducimos unha serie de criterios sociais, que até agora non se tiñan contemplado, para ofertar un programa educativo máis xusto, xa que en anos anteriores houbo casos de alumnos e alumnas que resultaron bolseiros, cuxas familias tiñan rendas superiores aos 100.000 euros ano ano”, recordou Silvia Cameán.
“Ademais de introducir estes novos criterios sociais, ampliamos a contía do contrato, pasando de
312.000 a 400.000 euros (un 28% máis)”, comentou. En concreto, en 2014, o custe total da praza por alumno (tendo en conta a aportación das familias) era de 7.000 euros, mentres que no programa elaborado en 2015, a contía quedaba instaurada en 9.000 euros.
“Lamentamos enormemente non poder sacar adiante as Bolsas USA, un programa no que nos esforzamos moito, tanto incrementando a súa contía como introducindo unha serie de criterios sociais para facelo máis xusto”, dixo Cameán, que explicou que a súa Concellería “levou a cabo unha consulta con expertos e expertas da cidade que levan moitos anos traballando en bolsas destas características, e que tamén se amosaron moi sorprendidas coa situación relativa á convocatoria das becas en Estados Unidos”. “Indicáronos que a contía que se ofrecía estaba dentro do mercado e que non entendían as motivacións das firmas para non presentarse ao concurso”, destacou. Non obstante, Cameán insistiu en que “en breve se presentará a nova proposta de bolsas de estudo no estranxeiro que se está a preparar”.