25/05/2016
A Coruña ten vocación de "cidade refuxio"
O concello demándalle ao Goberno que lle permita o acollemento das persoas que fuxen da guerra
"Desde o Concello imos apoiar todo tipo de accións neste sentido para recadar os fondos que posibiliten que as entidades e asociacións que traballan no territorio poidan seguir facéndoo", sinalou a responsable municipal, para avanzar que "cos Orzamentos en marcha, poderemos avanzar no programa de Coruña Cidade Acolledora e Inclusiva". Fraga tamén lamentou as "limitacións que os gobernos estatal e europeo poñen ás capacidades dos concellos que queremos, e podemos, acoller xente". "Estamos ante unha cuestión de emerxencia humanitaria sumamente grave e cremos que a Coruña ten que ser unha cidade que poida acoller a persoas", subliñou Fraga, para alertar de que as cifras de persoas que teñen chegado ao Estado español, da orde de 20, resultan "totalmente insuficientes".
"Desde a Concellería de Igualdade e Diversidade e desde o Concello da Coruña, que está declarado Cidade Refuxio, estamos especialmente sensibilizadas coa situación dos campos", declarou a concelleira, que na rolda estivo acompañada dalgúns dos bombeiros do parque da Coruña integrantes da ONG AIRE, Axuda Integral Rescate Emerxencias, que acaban de regresar do campo de Katsikas, en Grecia, e que alertaron da situación actual que se vive alí. "Imos estar aí apoiando no que precisen", adiantou a responsable municipal, despois de salientar os labores que estes traballadores do Concello e da comarca desenvolven no terreo, "polo que fan e polo que nos achegan a nós".
Neste sentido, os voluntarios alertaron da "grave situación e carencias" que sofren campos como o de Katsikas, e alertaron do agravamento das condicións que padecen as persoas refuxiadas nestes campos co desaloxo que está a ter lugar en Idomeni. "Isto vai para longo e non hai solución a curto prazo", alertaron, facendo un chamado a apoiar iniciativas como a do xoves.
As actividades do xoves no pavillón do San Francisco Javier darán comezo ás 17.30 horas con exhibicións das e dos rapaces de categorías inferiores do 5 Coruña Futsal, de entre 4 e 18 anos. A continuación terá lugar un partido feminino e, como remate, ás 20.30 horas, celebrarase o partido entre o Santiago FutSal e 5 Coruña FS. As doazóns que se recollan durante o evento deportivo servirán, como destacou a concelleira de Igualdade e Diversidade, para contribuír ao traballo que se desenvolve nos campos para mellorar as condicións das persoas refuxiadas.