"As praias desta cidade teñen unha gran calidade de augas e tamén de infraestruturas, pero cremos que é responsabilidade de todos e de todas, de Concello, administracións e veciñanza, tanto protexer o entorno no que vivimos, como protexernos a todos e todas nós, mantendo actitudes adecuadas", comentou, á vez que recordou o feito de que, ao longo dos anos, "se lle foi gañando moito terreo ao mar, e se foi recheando de area, algo que determina unha serie de situacións nas nosas praias coas que agora temos que convivir". Ao fío do estado dos areais, García pediu responsabilidade á veciñanza de cara a celebración da festividade de San Xoán, "onde o dispositivo de seguridade será incluso maior que noutras edicións".
"Nos próximos días presentaremos máis polo miúdo cal vai ser todo o programa de medidas de protección ambiental de cara á noite de San Xoán", indicou García, que recordou que no día de onte se producíu a reunión da Xunta Local de Seguridade para o San Xoán, na que estiveron presentes representantes de diversas administracións e corpos de seguridade. "A festa e a protección da cidadanía deben ser compatibles, por iso imos poñer os medios para que a cidadanía poida gozar da festa, pero tamén para que poida facelo ao día seguinte", dixo, para engadir que "o dispositivo de limpeza estará funcionando a tope tanto na praia como tamén nos barrios".
Por outra banda, a concelleira explicou que "nos próximos días e semanas culminarase todo o proceso de asentamento da area da praia" e, ademais, a partir do día 15, comezará a estar activo, coincindo co inicio da tempada de praias, o servizo de socorrismo. García explicou, ao fío, que a Concellería de Medio Ambiente está a estudar a posibilidade de "establecer indicadores para explicar que a area estase aínda asentando". Non obstante, a edil explicou que a sinalización dentro do Concello é xa positiva. "Recordemos que para conseguir catro bandeiras azuis, como temos, tamén se valora toda a información que se lle dá á cidadanía", indicou.