24/09/2016
Máis de dous millóns de galegos están chamados hoxe a votar
Os colexios electorais abriranse as 9.00 horas e pecharán as 20.00 horas de hoxe domingo
Ademais para a recollida da información habilitouse un dispositivo do que forman parte 2.716 representantes da administración, que por primeira vez nas eleccións galegas contarán cada un cunha tableta para a transmisión de datos da votación dende os colexios electorais ata o centro de procesamento da información.
Está previsto que ao longo do día de hoxe se produzan polo menos catro comparecencias dos responsables da Xunta. A primeira ás 10,15 horas para dar conta da apertura de mesas e posibles incidencias; outras dúas para trasladar os avances de participación, ás 12,30 e ás 17,30; e outra máis unha vez o reconto estea avanzando para informar dos resultados do escrutinio.
Ademais, todos os cidadáns poderán ter acceso aos datos en tempo real na páxina web http://resultados2016.xunta.gal, onde se ofrecerán datos do escrutinio provisional a nivel autonómico, provincial, comarcal e por concellos e datos de participación segundo se vaian recibindo. A web será accesible desde dispositivos móbiles como smartphones ou tabletas e permitirá seguir tamén as roldas de prensa, tanto en directo como en diferido.