14/06/2017
Este domingo, deporte na rúa para todos os cidadáns
A xornada lúdica empezará as 11.00 horas do domingo xunto Riazor
O XXX Día do Deporte na Rúa e na Praia comezará ás 11.00 horas da mañá e todas as persoas que participen poderán recoller en cada unha das 45 estacións o seu carné de deportista. No reverso do mesmo aparece a palabra 'DEPORTE' e cada unha das letras está acompañada de tres cadros que se irán selando a medida que a persoa xogue en cada unha das estacións, agás no caso dos deportes considerados minoritarios, nos que se selarán varios espazos, co obxectivo de seren visibilizados durante a celebración do evento. Cada vez que se complete unha letra, poderá presentarse o carné no posto de control de Riazor, onde as e os deportistas recibirán unha camiseta conmemorativa --tras o selado da letra D-- ou un número específico para participar nun sorteo. Cada letra ten asignado un premio polo que, cantas máis letras se completen, máis posibilidades de acceder a premios terá a persoa.