20/06/2017
Obxectivo no San Xoán: Residuo Cero
O Concello presenta o dispositivo ambiental e de limpeza e chama a cidadanía "á corresponsabilidade para minimizar o impacto da celebración sobre a contorna"
Este ano, por mor das mareas vivas, e ante a posibilidade que o mar chegue até o muro do Paseo Marítimo, os contedores situaranse sobre o mesmo. En total, haberá 15 grandes illas de recollida de residuos facilmente identificables, que estarán sinalizados con bandeirolas e lonas, situados na proximidade da entrada dos areais. No caso de Riazor e Orzán, localizaranse 11 destas infraestruturas. "Nestas illas concentraranse a batería de contedores. Este ano é máis necesario que nunca que a cidadanía deposite os seus residuos nestes espazos para evitar que cheguen ao mar", afirmou García.
Ademais, xunto a estas illas, tamén se situarán os WC portátiles, que se sumarán aos baños de Riazor que se habilitarán durante a noite e aos que se instalen xunto a Coiraza. Entre as principais novidades do dispositivo ambiental desta edición atópase a ampliación da superficie do proxecto piloto Praia viva, que se desenvolveu o ano pasado no Matadoiro co obxectivo de acadar o Residuo Cero e que se realizará tamén este ano en Riazor.
"Durante San Xoán Sostible haberá máis de 60 persoas vinculadas á facilitar información aos grupos que se atopen nos areais sobre a xestión de residuos, para que se minimice o uso de plástico e que este se recolla ao final da noite", explicou García, "das que 10 desenvolverán actividades específicas de dinamización nun espazo sinalizado en Riazor". A concelleira tamén destacou que este ano, por primeira vez, habilitarase nos areais zona accesible para persoas con mobilidade reducida, "para que, quen queira, poida celebrar o San Xoán na praia". "Por mor das mareas esta zona de estancia habilitarase en Oza, pero o obxectivo do Concello é que o ano que vén tamén se poida ampliar a Riazor", avanzou a edil.
A responsable municipal destacou que, dentro deste dispositivo especial, o Concello "reforzou a formación ambiental para o persoal que forma parte do dispositivo de seguridade, de xeito que poidan solventar todas as dúbidas da veciñanza e convidala a formar parte desta celebración dun xeito máis sustentable, evitando por exemplo o uso de voluminosos e materiais químicos que produzan fumes tóxicos, ademais de palés que poidan deixar parafusos ou outros elementos na area". A este respecto, a titular da área de Medio Ambiente sinalou que haberá persoal que impida a baixada destes materiais a praia", á vez que se establecerá un retén de limpeza ao longo de toda a noite no Paseo "para asegurar o depósito dos residuos no lugar axeitado".