29/10/2017
Ambicioso plan para ampliar 'BiciCoruña'
Preténdese crear unha rede de 46 estacións de aparcadoiro e un parque de 500 bicicletas, a metade eléctricas
Na actualidade, A Coruña conta con 23 estacións de BiciCoruña. Ademais das mesmas, e xa ligadas aos fondos DUSI, o departamento de Mobilidade Sostible ten prevista a colocación de cinco estacións máis, que se integrarán dentro do plan Pedalea coa UDC, e que se situarán na Maestranza, Cidade Escolar, Campus de Elviña 2, Campus da Zapateira e Campus de Oza, ademais doutras sete estacións máis localizadas en Orillamar, Praza e Galicia, Castelo de San Antón, Domus, Ágora, Parque do Agra e Muncyt.
Este proxecto compleméntase coa ampliación da rede do carril bici da cidade da Coruña. En concreto, neste momento, o goberno local ten en fase de licitación e adxudicación as obras para a construción de distintos tramos de carril bici, como é o caso do metropolitano. Contan cun prazo de execución de seis meses a partir da súa adxudicación e un montante de case 1,5 millóns.