08/03/2018
A Coruña 'pecha' no Día da Muller
A principal manifestación partirá ás 19,00 dende o Obelisco
A Xunta garantiza que haberá servizos mínimos en educación, sanidade e servizos sociais. Así nos centros educativos públicos non universitarios, así como nos privados e concertados dependentes da Consellería de Educación, está garantida a apertura de todos os colexios. Nas universidades deberá haber un empregado de conserxería por quenda en cada facultade ou centro.
Respecto das escolas infantís, fontes da Consellería de Política Social explican a Europa Press que, segundo estipula unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) do 2011, non se consideran servizos esenciais polo que non están obrigados a contar con servizos mínimos, máis aló da propia apertura do centro para garantir o dereito dos traballadores que non queiran ir á folga. Por iso, non se garante a atención aos usuarios, extremo que xa foi comunicado ás familias.
No ámbito sanitario, haberá 100% de cobertura de facultativos nos servizos de urxencias e gardas médicas, quirófanos para intervencións urxentes ou nos que estean en risco a saúde, paritorios, unidades de reanimación, coidados intensivos --de adultos ou pediátricas-- e coronarias. Tamén en áreas de diáleses e de tratamentos oncolóxicos (radioterapia, hospital de día).
Respecto de facultativos de Atención Primaria --persoal médico, pediatra e odontólogos--, establécese 100% de cobertura en urxencias. Aquí, para os centros con catro ou menos profesionais establécese un efectivo; de cinco a oito profesionais (dous efectivos), de nove a 12 (tres efectivos) e de 13 ou máis profesionais (catro efectivos).