O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, anunciou esta mañá a ampliación do programa municipal
Aberto ao barrio, iniciativa posta en marcha polo goberno local en decembro de 2017 coa finalidade abrir as instalacións deportivas exteriores dos centros de ensinanza para o seu uso, por parte da cidadanía, en horario non lectivo. Despois da experiencia piloto iniciada hai medio ano no CEIP Juan Fernández Latorre durante as fins de semana do curso escolar, a partires do 14 de xullo, e até o 31 de agosto, tres centros, como son o Sanjurjo de Carricarte, o Manuel Murguía e o Alborada súmanse a esta experiencia, que ademais se estende ás tardes de toda a semana durante o verán. Deste xeito, serán catro os centros escolares da cidade que abrirán os seus patios á veciñanza, todos os días, entre as 18.00 e as 21.00 horas.
"O goberno local da Coruña entende as escolas como espazos abertos, con vocación de crear comunidade. Como lugares de participación e socialización do barrio que poden xerar novas dinámicas de aprendizaxe. A posta en marcha deste programa pioneiro a finais do ano pasado, que supuxo a execución dun compromiso electoral, e a súa ampliación afondan na aposta deste Concello por fomentar a creación de espazos comúns de encontro, ocio alternativo e aprendizaxe cooperativo nos barrios", sinalou o rexedor, quen salientou a descentralización da proposta, que se estenderá polo Castrillón, Monte Alto, Elviña e Feáns.
O proxecto piloto Aberto ao barrio que o Concello desenvolveu durante as fins de semana do pasado curso escolar colleitou, segundo cualificou Xulio Ferreiro, "moi bos resultados", con 350 nenas e nenos de entre 6 e 17 anos participantes. "Agora esta experiencia amplíase, durante o verán, a outras zonas da cidade, co convencemento de que os patios poden constituír un elemento integrador e unha opción máis de lecer para as familias da Coruña. Cremos que uns centros educativos coas portas abertas se traduce nunha cidade máis avanzada e inclusiva", expresou Xulio Ferreiro. Ao longo deste período, que se estenderá até final do mes de agosto, un equipo de dinamización realizará actividades vinculadas aos xogos.
O rexedor anunciou a ampliación do programa esta mañá durante unha visita ao CEIP Sanjurjo de Carricarte, na que estivo acompañado pola concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán.