19/09/2018
O concello decidirá co 'proceso participativo' o uso das Naves do Metrosidero
Pretendese construír un espazo público de referencia para os mozos
Delso recordou que este proceso se enmarca dentro de todas as políticas transversais para a mocidade que implementa o goberno local e servirá de base para a redacción do proxecto ampliado de usos e mecánicas de xestión das Naves do Metrosidero. "Nos últimos anos, ademais de poñer en marcha, con moi bos resultados, o Espazo Xuvenil da Sagrada Familia, impulsamos programas como a Revista Coruña Mutante, o Plan de Emprego Xuvenil ou os proxectos Educación na Rúa, que xa están implantados nos barrios de Labañou, Os Rosales e Cidade Vella. Agora, estamos inmersas nun traballo coa cidadanía para, entre todas, definir os usos e xestión dun novo equipamento público", recordou a concelleira.
O pasado abril, o departamento municipal de Participación comezou a abordar un proceso conformado por oito encontros abertos, e especialmente dirixidos á mocidade, de cara a que a veciñanza puidese deseñar en común o futuro deste equipamento público. A proposta inicial da que parte este procedemento baséase en que as distintas naves que están a ser rehabilitadas desenvolverán distintos usos con vontade de confluír en espazos comúns de convivencia e integración. "As naves teñen xa unhas especificacións construtivas determinadas no proxecto de rehabilitación que leva a cabo Fomento, así que o se trata é de explorar e contrastar as necesidades que xorden no marco deste proceso participativo", explicou a titular de Participación, que apuntou que este proceso coa veciñanza tamén incorpora o debate sobre o aproveitamento dos espazos exteriores das Naves do Metrosidero.