27/11/2018
‘Camiño da reciclaxe’ recupera 146 toneladas de papel nos albergues galegos
Participaron na campaña un total de 216 establecementos
Neste sentido, a conselleira amosouse moi satisfeita co balance de Camiño da reciclaxe en 2018. Así, explicou que nos cinco meses que durou a campaña, coincidindo co período de maior afluencia de peregrinos nesta ruta, recolléronse en total algo máis de 146 toneladas de residuos: 40 de envases e 106 de papel-cartón. Estas cifras supoñen un incremento de case o 50% con respecto ás da campaña anterior, cando se recolleran en Galicia algo máis de 100 toneladas neste mesmo período.
Neste balance influíu, sobre todo, o incremento rexistrado no número de albergues participantes: 216 establecementos galegos localizados ao longo do Camiño Francés, do Camiño do Norte e do Camiño Portugués sumáronse á iniciativa en 2018, fronte aos 148 que participaran na edición anterior. Cada un destes albergues dispuxo de 2 ou de 4 puntos de reciclaxe en función do número de prazas ofertadas, de modo que se repartiron en total 1.000 contedores azuis (papel-cartón) e amarelos (envases lixeiros).
Así mesmo, a conselleira tamén agradeceu a colaboración na campaña dos hospitaleiros que atenden estes establecementos e actúan á vez como voceiros e promotores da iniciativa entre os peregrinos que pasan por alí. Grazas a eles, tamén se repartiron 40.000 bolsas reutilizables para axudar aos camiñantes a almacenar e transportar os residuos que xeren en cada etapa, así como diverso material informativo e merchandising para fomentar a reciclaxe e uns hábitos de consumo máis sustentables.
O obxectivo, en todo caso, é que a cifra de albergues participantes en Camiño da reciclaxe siga crecendo xa que, tal e como lembrou Ángeles Vázquez, no ano 2021 o Xacobeo situará o foco de atención do turismo sobre Galicia e concretamente, sobre as diferentes rutas do Camiño de Santiago.