31/12/2018
A Coruña pecha o ano coa súa IX San Silvestre
Na praza de María Pita haberá un espectáculo de fin de ano con uvas e cotillón para todos os veciños que se acheguen á zona
Sande salientou que a iniciativa completará “a programación lúdica dunha data simbólica, como é fin de ano”, nun exercicio no que a proba destaca por un 35% de participación feminina. “San Silvestre é unha carreira que, a través do compoñente lúdico, representa algúns dos valores que deben guiar o deporte, como é a igualdade”, aseverou o edil, en relación a algúns dos elementos que a organización introduce nesta edición, como a cor morada das camisetas conmemorativas ou o lema Correr sen medo , ademais de manter o teléfono 016 nos seus dorsais.
Pola súa banda, David Iglesias sinalou a intención da organización “de seguir favorecendo o aumento, en vindeiras edicións, da participación feminina na proba”, da cal salientou, ademais, a posta en valor que propón da fachada marítima da Coruña. “Toda a carreira transcorre xunto á beira do mar”, salientou Iglesias. Así, as e os participantes percorrerán un trazado de sete quilómetros no que sairán do Obelisco cara o Paseo Marítimo, até chegar á Torre de Hércules para continuar cara ao Castelo de Santo Antón e finalizar na praza de María Pita.
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento lembrou ademais que a programación municipal do 31 de decembro completarase cun espectáculo especial de Fin de Ano na praza de María Pita, que será presentado por Isabel Risco, David Perdomo, e que contará coas actuacións de Los Hot Chocolates e Esteban&Manuel. O edil lembrou que o Concello ofrecerá cotillón e as tradicionais 12 uvas á veciñanza que se achegue á praza “para gozar, nunha celebración aberta e conxunta, da entrada do novo ano”. Para máis información sobre a programación municipal de Nadal, pódese visitar a páxina web www.coruna.gal