11/01/2019
'Nunca Máis', a exposición que nos traslada o negro novembro de 2002
Ábrese ao público o día 17 de xaneiro ás 20 horas en Palexco
A exposición abrirase á cidadanía o día 17 ás 19.30 horas en Palexco, onde permanecerá ata o 3 de marzo. A mostra, que está deseñada polo colectivo Radio Buguina, está centrada "nun maremagnum de imaxes, preto de 1.500" que están montadas en movemento, grazas a 20 proxectores, como explicou Pepe Galán, un dos comisarios da mostra xunto con Pepe Barro e Anxo Varela. Entre elas, haberá lembranzas para os e as voluntarias non só de profesionais, as e os representantes políticos da época "coas frases máis esperpénticas que puidemos escoitar" e tamén para as manifestacións que se realizaron dende a catástrofe. A apertura da mostra terá como acto inicial unha palestra na que intervirán algunhas das persoas protagonistas do movemento Nunca Máis como foron Manuel Rivas, Uxía Senlle, Felipe Lourán e Suso de Toro. Será ás 20 horas o día 17 na propia sala de exposicións do Palexco.
As actividades complementarias á mostra péchanse o día 24 de xaneiro cunha mesa redonda titulada O Nunca Máis como fin do réxime fraguián. Dezaseis anos dun vergoñento consello de ministros, que se celebrará no salón de plenos do Concello ás 19.30 horas. "A data e lugar escollido coincide co aniversario do consello de ministros extraordinario de Aznar e os seus ministros, varios deles a día de hoxe no cárcere, e con Paco Vázquez facendo de anfitrión", explicou Linheira. Na mesa participarán os xornalistas Xosé Hermida, José Precedo e Comba Campoy, que abordarán temas como o papel dos medios de comunicación ou as consecuencias políticas da xestión da catástrofe.