14/04/2019
Máis de 1.600 persoas acudiron á VIII Maratón Atlántica Coruña42
Ésta é a única proba oficial da distancia que se celebra en Galicia e que forma parte do calendario da Real Federación Española de Atletismo
Xunto ao Maratón Atlántica celebrouse, un ano máis, a proba popular 10K, que partiu ás 08.45 do Obelisco coa asistencia de máis de 1.120 persoas. Simón González Río (32:14) e Mónica Granero (39:02) entraron en primeira posición na meta que, ao igual que no caso do maratón, estivo situada na praza de María Pita. Precisamente nesta localización desenvolveuse un dos puntos da animación complementaria á cita deportiva, na que a compañía Circo Chosco ofreceu un espectáculo de artes circenses. No marco desta programación, tres grupos dos Locais de Ensaio municipais --Sala5, Theta Waves e Crimson and Clover-- deron conta da súa música no Obelisco.
Todas as persoas que remataron o Maratón Atlántica obtiveron unha medalla finisher e contarán cun diploma acreditativo --un documento que tamén terán as e os participantes da 10K-- que se poderá descargar, nos vindeiros días, de www.coruna.gal/carreiraspopulares. Ademais, no web de Carreiras Galegas, pódense coñecer os resultados das dúas probas.