03/06/2019
O San Xoán da Coruña empeza o 17 de xuño
Haberá actividades infantís descentralizadas nos barrios e rematará o 23 co concerto de Novedades Carminha e a Orquesta Mondragón
A programación municipal vinculada á celebración do San Xoán incluirá, un ano máis, actividades dirixidas a público de todas as idades a través da Ruada das Xoubas, unha proposta que inclúe 14 espectáculos de artes escénicas de compañías galegas e 12 obradoiros infantís para a realización de xoubas de cartón e, na mañá do día 23, un de herbas de San Xoán. Tal e como é habitual nas iniciativas promovidas desde a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, a programación descentralizarase co obxectivo de achegar a actividade a 13 barrios da cidade: Sagrada Familia, Monelos, Palavea, Agra do Orzán, Santa Margarida, Barrio das Flores, Novo Mesoiro, Os Rosais, Cidade Vella, San Pedro de Visma, Castrillón, O Ensanche e Monte Alto. En cada xornada entre os días 17 e 22 haberá, en dúas localizacións, dous obradoiros, que comezarán ás 18.00 horas, e dúas actuacións, que terán lugar a continuación, ás 19.00 horas.
Pola contra, os días 23 e 24 a programación centralizarase unicamente no Campo da Leña. O domingo celebrarase en horario matutino, cun obradoiro de herbas ás 12.30 horas e o concerto de Revival Stompers desde as 13.00 horas. O propio día festivo de San Xoán, a partir das 18.00 horas, a praza acollerá xogos populares. A continuación, ás 19.00 horas, actuará Pakolas e ás
20.00 horas Títeres Tanxarina ofrecerá o espectáculo Titiricircus. A sesión vespertina acompañarase dun pasacalles de Revival Stompers.
Cartel
O cartel está asinado polo autor coruñés Manel Cráneo, que amosou o seu agradecemento polo encargo da imaxe para as festas de San Xoán, que cualificou “dunha gran ledicia e dunha gran responsabilidade” porque, dixo, é unha das festas “máis potentes de toda España”. O cartel representa A Coruña como unha muller, “unha serea saída do mar, unha cidade de orixe mariñeira”, cunha lumeirada como cabelo. Trátase, segundo destacou, dun cartel “moi místico” que inclúe moitos elementos da noite de San Xoán e que “conta tres historias, dúas nos brazos e outra no tronco da serea”.