05/09/2025
Formación gratuita en competencias dixitais
Xa está aberto o prazo de solicitudes para participar nos cursos, de acceso libre ata completar os cupos previstos
O programa está deseñado para a reducir a fenda dixital, fomentar a inclusión social e dotar as persoas participantes das competencias necesarias para un uso creativo, crítico e seguro de ferramentas tecnolóxicas e en liña, coa finalidade de acadar obxectivos relacionados co traballo, a empregabilidade, a aprendizaxe, o aproveitamento do tempo libre, así como a inclusión e participación na sociedade. A actividade enmárcase dentro do amplo abano da oferta formativa impulsada polo Goberno de Inés Rey para contribuír a garantir o dereito de acceso á información, á educación, á formación e á empregabilidade.
As actividades están orientadas, moi especialmente, ás persoas en idades máis avanzadas, colectivos en risco de exclusión e tamén á veciñanza que precisa actualizar os seus coñecementos en tecnoloxías de uso cotián.
Os cursos, de acceso gratuíto ata completar a capacidade prevista
A programación impulsada polo Concello, de formación presencial, inclúe cursos de uso do ordenador e o teléfono móbil -tanto a nivel de iniciación como a nivel avanzado-, obradoiros para aprender a manexar as redes sociais e outras actividades orientadas ao control parental e protección das e dos menores, ao que se suma a formación en ferramentas de intelixencia artificial (IA) ou a detección de noticias falsas na rede.
As actividades formativas lévanse a cabo nos espazos das bibliotecas municipais da cidade -Ágora, Durán Loriga, Fórum Metropolitano, Monte Alto, Os Rosales e Sagrada Familia-, tanto en horario de mañá como de tarde, co obxectivo de facilitar a participación.
O acceso libre e gratuíto mediante inscrición previa, con prazas limitadas.