06/11/2015
O espíritu 'troiano' reúne en Compostela a tunos de Europa e América
Hoxe e mañán sábado celébranse os 100 anos na novela ‘La casa de la Troya’ cunha xuntanza de tunos, que este venres, as 20.30 horas desfilarán pola zona vella
Os actos comezarán hoxe, ás 12:30 horas, cunha ofrenda floral a Rosalía de Castro no monumento que homenaxea á ilustre poetisa galega na Alameda de Santiago.
Ás 19:30 horas realizarase unha ofrenda ao Apóstolo na Misa do Peregrino da Catedral compostelá.
A partir das 20:30 horas os grupos sairán da praza de Praterías, onde iniciarán un pasarrúas polo casco histórico de Compostela.
O sábado continuarán as actividades programadas no marco deste encontro, cuxo acto central será o “Festival do Centenario”, que comezará ás 18:30 horas no Auditorio Abanca. As entradas poden adquirirse a 5 euros para butaca e a 3 euros para o anfiteatro en diversos establecementos da cidade: Librería Toural, Amboa, café Zum Zum, Librería Couceiro e no Casino.
O Museo Casa da Troia, que permanece pechado durante os meses de inverno, abrirá especialmente para a ocasión dende o xoves 5 ata o domingo 8 de novembro. Hoxe venres abrirá de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00; o sábado de 12:00 a 15:00; e o domingo de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas.
Cen anos da novela
Tal como lembra Benigno Amor, presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, hai cen anos que se publicaba en Madrid a primeira edición da novela La Casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugín, cuxa portada era un debuxo orixinal de Castelao. Tiña 360 páxinas e tiráronse 1.600 exemplares. O seu éxito foi tal que fixeron tres edicións máis aquel ano de 1915. Hoxe as edicións superan o cento, algunhas de 25.000 exemplares, e sen contar as realizadas en Hispanoamérica.