15/12/2015
Siro González e El Bocalino fanse cos premios á mellor tapa do público
Todos destacan pola súa orixinalidade como o petisco de ‘chupachús de poldro galego con sementes de liño, patacas reixa e ameixas salvaxes’
O Premio do Xurado á Mellor Tapa 2015 correspondeulle a Ferro, pola tapa “Pata de vitela, castañas e Mexillón de Galicia”. O premio está dotado con 500 euros.
O Primeiro Premio Tapa do Público ‘15 foi para a tapa “Costela de cabra da Mercé”, do restaurante Siro González. O galardón conta con 1.000 euros de recompensa.
Pola súa banda, El Bocalino, co “Chupachús de poldro galego con sementes de liño, patacas reixa e ameixas salvaxes”; e Lusco & Fusco, con “Torta de queixo do Cebreiro con base de noces, mel e figos”, conseguiron o Segundo e Terceiro Premio de Tapa do Público ‘15 con 800 e 500 euros de premio respectivamente.
O Premio do Xurado á Tapa que mellor marida con Estrella Galicia 2015 foi para A Curtidoría, con “Outono en Compostela”, dotado con 500 euros en produtos Hijos de Rivera. Pola súa banda, o público outorgou o Primeiro Premio á Tapa que mellor marida con Estrella Galicia 2015 a Gaia, pola tapa “O Caínzo”, cunha contía de 200 euros en produtos Hijos de Rivera.
O Premio (é)xcelente 2015 recaeu en The Seafood Bar, que recibe 500 euros por ser o establecemento mellor valorado polos clientes como experiencia global no concurso.
O Premio á Tapa con máis Chispa 2015, promovido da man de Coca Cola Iberian Partners, é para A Grella, por “O carbón da Grella”.
Na cita tamén se desvelaron as fotografías gañadoras dos concursos en redes sociais, na que Turkish Airlines e Coca Cola Iberian Partners premiaron a interacción e creatividade do público de Santiago(é)Tapas.