18/12/2015
Máis de 60 clubs arroupan hoxe ao Santiago Futsal
Este venres as 21 horas no Multiusos xogan o que pode ser o seu derradeiro partido de non lograr os cartos necesarios para permanecer en Primeira
O prezo das entradas será de 10€ Adultos. Os menores de 18 anos accederán de maneira gratuíta.
Onte compareceron en rolda de prensa o técnico do Santiago Futsal, Santi Valladares, e os capitáns do equipo, Diego Quintela, Hugo Sánchez e Marcos Vara.
O xogador Diego Quintela, falou da posibilidade de que o encontro de hoxe sexa o último do equipo na Primeira División "Pode ser que sexa o último e non quero pensalo, pero esa é a realidade. Sei que a día de hoxe é o último partido, porque non hai ningunha solución.”
Hugo Sánchez, segundo capitán do equipo referiuse á situación do club nestes momentos "Sinto moita tristeza. Desde que cheguei aquí inculcáronme uns valores que se arraigaron moi dentro de min, que os levarei sempre comigo e que isto se vaia a acabar dun día para outro me fai sentir unha tremenda tristeza, por todos os nenos, por todos os monitores, pola directiva, polos xogadores e, sendo egoísta, polo meu tamén. Eu estaba aquí moi a gusto e sentíame moi identificado con todo o que pasaba aquí. Facíanme sentir alguén importante, sentía este club como meu, sentía as cores, sentía a camiseta cando a poñía e iso é algo moi difícil de sentir cando te vas fóra da túa casa.”
Por último, o porteiro e terceiro capitán, Marcos Vara sentenciou "Sinceramente a preparación do partido non está a ser boa. Estamos a facer todo o posible e estamos a adestrar moi ben, non é unha semana mala nin moito menos. Pero estamos preocupados, van pasando os días e non temos noticias boas, polo que non é unha situación idónea para competir. Se mañá (por hoxe) chegan noticias boas antes do partido, e o pavillón está cheo, o ambiente será moi bo. Pero se chega unha noticia negativa… sairá un bo partido, a pesar de todo. Estou seguro, porque a esixencia individual é bastante alta.”