23/01/2016
Santiago acolle hoxe un simposio sobre autismo coa presencia do doctor Carracedo
Ao longo da xornada tamén se estreará un documental 'Dentisteando' realizado ao longo de tres anos
Ao longo desta xornada, que ten previsto empezar ás 9.15 horas e rematar ás 19.00 horas, tamén se presentará unha película documental que relata os contidos e evolución dun programa de sensibilización de persoas con TEA que necesitan acudir ao dentista, iniciativa desenvolvida pola Unidade de Pacientes Especiais en colaboración con ASPANAES durante os últimos tres anos.
Programa
O programa do simposio comezará cunha análise sobre que son os TEA, a cargo da profesora de Psiquiatría Ángela Torres Iglesias, a quen seguirá o catedrático Ángel Carracedo para explicar as bases xenéticas deste trastorno. O doutor Jesús Eirís Puñal falará sobre os trastornos neurolóxicos asociados ao TEA. Posteriormente, a partir das 12.30 terá lugar a presentación oficial do simposio que correrá a cargo de autoridades académicas, sanitarias, a presidenta de ASPANAES, o presidente da Federación de Autismo Galicia. Para completar a sesión matinal, estrearase o documental ‘Dentisteando. O dereito á saúde oral’.
Pola tarde, o simposio celebrará unha mesa redonda que aborda diferentes facetas da atención sanitaria a persoas con trastorno do espectro autista, coa participación do médico de familia Manuel A. Ramos Rodríguez; a psicóloga, Emma Cuesta Fernández; un representantes da administración sanitaria; Esperanza Acín Villa, nai dunha persoa con TEA; e o profesor Jacobo Limeres Posse, en representación dos profesionais da Odontoloxía. A xornada completarase coa relatorio de Ana Martínez Díez, de ASPANAES, titulado ‘Comprendendo o autismo: necesidade de apoio na atención sanitaria’; e a presentación do programa de atención médica integral para persoas con TEA do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón, a cargo de Leticia Boada Muñoz.