17/03/2016
Animan a visitar as 23.000 árbores que hai en Compostela
O vindeiro 21 de marzo celébrase o Día da Árbore e hai organizadas varios roteiros guiados pola riqueza natural de cidade
Os roteiros guiados chegarán a tres dos parques máis emblemáticos de Compostela: a Alameda, a finca de Vista Alegre e o parque Eugenio Granell. Durante as visitas os participantes poderán coñecer a historia destes espazos, os efectos da intervención do home e, sobre todo, as especies arbóreas que se poden atopar en cada un deles. Así, na Alameda prestaráselle especial atención á Carballeira de Santa Susana e ás árbores máis senlleiras do parque, como o Abeto Perona (plantado por Eva Perón en 1947), os eucaliptos do Paseo da Ferradura (duns 130 anos de idade) ou o tileiro prateado (de máis de 100 anos).
No caso da Finca de Vista Alegre, Mabel Fraga explicou que a visita permitirá coñecer en profundidade "un parque singular porque era unha finca familiar e por iso mestura a zona de carballeira coas especies froiteiras, e tamén porque alberga edificios singulares como o propio Museo de Historia Natural".
Por último, no parque de Eugenio Granell, un dos máis novos e extensos de Compostela, os roteiros permitirán descubrir as carballeiras e os bosques da ribeira, cos seus salgueiros, ameneiros e bidueiros.
Os roteiros guiados para o público xeral serán o 21 de marzo en tres quendas: 10 e 12 da mañá, e 16.30 da tarde. Para os centros de ensino, as visitas serán do 28 de marzo ao 1 de abril, en horario de 10 ou 12 horas.
As reservas pódense facer na páxina web www.usc.es/museohn ou no teléfono 881816 350. A directora do Museo de Historia Natural explicou que no caso dos escolares xa se rexistraron 850 reservas, que enchen 21 das 30 quendas previstas para os roteiros. Por iso, Mabel Fraga non descartou ampliar a oferta de roteiros.