20/03/2016
Famosos explican en Santiago como fracasaron antes de lograr o éxito
O programa 'Levántate e anda', o 14 de abril, 5 de maio e 19 de xuño, está dirixido a xoves emprendedores
‘Xoves Emprendedores’ arranca con tres xornadas que estarán protagonizadas por recoñecidas figuras da cultura galega como a poeta Yolanda Castaño, a actriz Patricia de Lorenzo, Antón Reixa, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, o arqueólogo José Manuel Costa García ou a poeta Antía Otero. Guiados por Manolo Boquete e a través do humor, a sorna e a ironía, a Sala Eisenman acollerá as súas historias de aprendizaxe, de como asumiron o fracaso como un proceso e como non se apoucaron ante as dificultades e buscaron un camiño para seguir adiante.
O Centro de Emprendemento do Gaiás (CEM) continúa así co obxectivo co que se puxo en marcha en 2013: apoiar a posta en marcha de proxectos creativos e contribuír a que estas iniciativas cheguen a bo porto.
Programa
‘Xoves Emprendedores’ arranca o xoves 14 de abril coa charla ‘Emprender é moverse: se non te paras, non hai metas. Nela, a actriz Patricia de Lorenzo, coñecida polo seu traballo na compañía de teatro Chévere; e a poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño contarán os seus proxectos de longo percorrido no ámbito da cultura e darán conta de como estes evolucionaron ao longo do tempo.
A seguinte cita terá lugar o 5 de maio e nesta ocasión o lema será ‘Emprender é equivocarse: é necesario caer para saber andar’. A veteranía no emprendemento cultural está personalizado nas figuras de Antón Reixa, filólogo, poeta, músico, guionista, director e presidente da produtora audiovisual Filmanova; e o veterano xornalista Xosé Manuel Pereiro, actual decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e director xunto con Manuel Rivas da revista mensual Luzes.