31/05/2016
Santiago celebra o día do Medio Ambiente cunha chea de actos
O vindeiro 5 de xuño haberá actividades para todos os gustos e idades. Só é preciso apuntarse
A primeira actividade relacionada co Día do Medio Ambiente será a limpeza da canle do río Sarela, o próximo xoves día 1. Trátase dunha iniciativa de Viaqua, que quere concienciar á cidadanía da importancia de que o lixo non remate nos ríos, polo custo ambiental e enerxético que iso supón.
O xerente da empresa, José Antonio del Rey, explicou que este ano, como novidade, na limpeza do Sarela poderá participar calquera que o desexe. Só é preciso inscribirse a través do teléfono 981 561 555 (Ext.222), ou no correo electrónico santiago@viaqua-sa.es. A actividade comezará ás 12:00 horas.
Campaña de Ecovidrio
A entidade vai instalar na praza Roxa un stand e un iglú. Os cidadáns que depositen nel un recipiente de vidro recibirán a cambio unha flor e unha bolsa con diverso material. Dende as 11:00 horas, na carpa estarán dous monitores para dar toda a información sobre a reciclaxe de vidro.
Museo de Historia Natural
O Museo de Historial Natural organizou un roteiro interpretativo pola Selva Negra, onde se poden observar distintos tipos de solo e ecosistemas seminaturais representativos do rural compostelán.
A actividade está aberta ao público en xeral, tanto adultos como nenos, e están previstas dúas quendas, unha ás 11 da mañá e outra ás cinco da tarde. A duración aproximada da ruta é de dúas horas. A actividade é de balde e aberta, pero recoméndase facer unha reserva previa no Museo de Historia Natural porque os grupos poderán estar integrados por un máximo de 30 persoas.
CIAC
En canto ao Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, en Belvís, vai organizar unha ximcana que percorrerá as diversas salas do centro dun xeito lúdico. Será o propio domingo 5 de xuño, de 11:30 a 13:30 horas. Durante a actividade amosaranse as interrelacións que temos coa auga, a enerxía, ou os residuos, dende unha perspectiva do consumo.
Na xincana poden participar familias con nenos e nenas maiores de 8 anos. As inscricións pódense facer a través do Facebook do Centro de Interpretación ou no correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal.
Concurso de fotografía e modelado 3D
Tamén con motivo do Día do Medio Ambiente, a empresa Ferrovial, a Universidade de Santiago e o Concello colaboraron na convocatoria do concurso COMPOS3D, de modelado 3D a partir de fotografías,. No certame participaron estudantes de entre 14 e 17 anos, tutelados polos seus profesores; que presentaron traballos feitos con instrumentos tan familiares para eles coma un teléfono móbil, unha tablet ou un ordenador.