04/06/2016
Día do Deporte Solidario en Santiago
Haberá exhibicións deportivas das distintas entidades da cidade
A gala comezará ás 11 da mañá e rematará ás 9 da noite. Durante 10 horas haberá multitude de espazos con actividades, nos que se celebrarán exhibicións dos clubs e entidades participantes que, un ano máis, se involucraron coa súa participación e presenza nesta xornada. Tamén os visitantes de Area Central poderán participar en moitos dos espazos dos deportes ou coñecer máis de preto algún deles.
Así, haberá exhibición de deportes adaptados, fútbol, baloncesto, patinaxe, quidditch, hóckey, judo, karate, minigolf, esgrima, ximnasia rítmica, xogos de mesa, tenis de mesa, chave, petanca, boxeo, kick boxing, zumba ou ioga.
I Milla Popular Solidaria
A I Milla Popular Solidaria é unha carreira aberta a diferentes categorías. A inscrición pode facerse a través de www.carreirasgalegas.com. As probas levaranse a cabo na rúa Roma de Área Central a partir das 19:00 horas e estarán baixo o control técnico do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. As inscricións poden facerse ata hoxe ás 22:00 horas.
Os dorsais recolleranse ata media hora antes do inicio das probas na tenda de deportes Centro Deportivo, de Área Central. O prezo da inscrición será de 1 € en concepto de organización só para as millas de júnior en adiante e unha doazón mínima dun euro no momento da recollida do dorsal
O Día do Deporte Solidario complementarase coa exhibición das fotografías tiradas na edición do ano pasado, un museo do deporte, unha sesión de "Sábados creativos", xogos populares en inglés e inchables.
Documentos relacionados