07/07/2016
As Festas do Apóstolo serán as máis longas da historia e con todos os concertos de balde
Empezan o venres 15 e contemplan un intenso programa para todos os públicos e gustos e cun pregoeiro de excepción, Ánxel Carracedo
Tras o éxito acadado o pasado ano, na programación vólvese reservar unha noite para as bandas galegas. Será o 21 de xullo na praza da Quintana, coas actuacións de Caxade, Cró!, Terbutalina, Familia Caamagno e Maladrómeda. O 25 de xullo tamén terá acento galego na Quintana, con Samesugas e Ruxe Ruxe, e o 31 con Roi Casal.
A praza da Quintana será escenario dos grandes concertos internacionais do Apóstolo: a nixeriana Nneka o 18 de xullo, Charles Bradley & His Extraordinarires o 23 de xullo; DandyWarhols o día 26; Molotov Jukebox e Os Crebinsky o mércores 27; e Nik West e Mambo Jambo o venres 29.
Artellando. As festas en movemento
Do 18 ao 24 de xullo, haberá ata 16 espectáculos infantís nos barrios, en colaboración coa rede de Centros Socioculturais.
Na sección "Artellando nos recunchos" prográmanse propostas de danza contemporánea, circo ou música en pequenas prazas da cidade histórica, como Santa Agostiño, San Martiño Pinario, San Clemente ou a praza da Oliveira. Serán todos os días da semana do 18 ao 24 de xullo, sempre ás nove da noite. Máis tarde, ás 23:00 horas, e sempre na praza do Toural, desenvolverase o "Artellando na noite", coas actuacións de Antonio Lizana, Luiz Caragol, Maria Rodés e Talabarte.
Dentro do "Artellando" tamén teremos sesións vermú con Mr. Cool e Felipe Criado, o xoves 21 na praza de Cervantes, e o sábado 23 na Pescadería Vella, nos dous casos ás 13:00 horas. O programa complétase con dúas propostas para o venres 22: a partir das 22:30, o parque de Belvís acollerá Circompostela, a Gala do Circo Compostelán; e a praza do Toural será escenario ao longo de toda a xornada de Baile Assalto, con obradoiros para aprendermos distintos tipos de baile.
Romaría Cativa
Será o sábado 23, con actividades desde as doce do mediodía ata as oito da tarde. Os nenos e nenas poderán gozar de espectáculos de circo con Javi Javichi; da música de Pablo Díaz e a banda do Tic Tac, Xoán Curiel ou As Fadas Magrinhas; ou da maxia de Martín Camiña. Tamén haberá obradoiros de circo e instrumentos musicais, e espazos de xogo, entre outras propostas.
Citas tradicionais do Apóstolo e outras propostas
O sábado 16 de xullo celebrarase a Xornada de Folclore Galego na praza da Quintana, coa participación de Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata de Sar e Ultreia. O domingo 24 celebrarase o V Certame Folc La Voz de Galicia, co pasarrúas da charanga O Recobío e os concertos de Uxía Lambona e a Banda Molona, Xosé Lois Romero &Aliboria, Nova Galega de Danza, Andrés Penabad e Riobó.
O 30 de xullo volverá ser o Día do Traxe Galego nas Festas, e celebrarase unha nova edición do Torneo da Chave Festas do Apóstolo na Alameda. Alí tamén se manteñen as habituais actuacións das orquestras.
Máis información: aquí