05/10/2016
Os hosteleiros reciben formación para atender mellor os peregrinos
O obxectivo é mellorar o servizo en sala dos restaurantes do Camiño, incidindo na calidade e técnicas na atención ao cliente, no coñecemento dos diferentes tipos de clientes e no tratamento de queixas e reclamacións
Programa de profesionalización do Camiño
O Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago inclúe este programa “Profesionalización no Camiño”, que desenvolve a Escola de Turismo Itinerante, dentro do seu plan de accións prioritarias. O obxectivo é mellorar o nivel de profesionalización do sector a través de cursos e xornadas como a celebrada onte no CSHG, enfocadas á atención ao peregrino e a súa experiencia en Galicia.
Durante o último ano, o CSHG ven de organizar outros módulos formativos dentro deste programa. Preparou cursos en diferentes localidades como Xestión do departamento de Recepción en aloxamentos do Camiño, Pon o teu albergue no mapa (Smart Camiño), Atención, información e servizo ao peregrino en aloxamentos do Camiño de Santiago e A propina do peregrino nas redes sociais.
Así mesmo, durante este ano haberá novos cursos para os restaurantes do Camiño de Santiago. A importancia da gastronomía galega na cultura xacobea en Galicia e o Menú do Peregrino como potenciador dos produtos autóctonos terán lugar en novembro deste ano. O primeiro pretende dar a coñecer diferentes opcións de menú feitos con produtos galegos e a forma de optimizar os procesos de elaboración e aprovisionamento para facer unha oferta rendible. O segundo quere poñer en valor a gastronomía de Galicia no Camiño de Santiago. Os cursos celebraranse o luns en horario de mañá en Portomarín (día 7), Melide (día 14) e Cee (día 21).