25/01/2017
Máis de trinta concertos encherán Compostela no 'Santiautor 2017'
Cabe destacar a presenza de tres grandes nomes da música como Rozalén, Rosana e Funambulista
O director do Santiautor, Jesús Peón, mostrouse "moi agradecido coa colaboración do Concello, que facilita o primeiro que precisan os artistas: escenarios". Ademais, asegurou que "de seguir esta cooperación, o festival seguirá medrando".
Un Santiautor galego e de mulleres
O director artístico do Santiautor cualificou de "privilexio" poder presentar o cartaz de artistas que participan nesta oitava edición do festival, con tres grandes nomes a destacar: Rozalén, Rosana e Funambulista.
Miguel Lueiro apuntou ademais que se cumpren dous obxectivos: ter un Santiautor cheo de nomes femininos (17 dos 32 concertos serán de artistas mulleres), e cun marcado acento galego (15 artistas do país formarán parte do festival).
Venda de entradas
Toda a programación do Santiautor 2017 está dispoñible na páxina web www.santiautor.gal. Este ano, as entradas para os 32 concertos poderanse comprar a través de Abanca, pero tamén no despacho de billetes do Teatro Principal.