04/04/2017
A Federación Autismo Galicia converte ó CHUS nun hospital modelo de atención as persoas con TEA
A intensa colaboración entre ambas entidades axuda a reducir o nivel de estrés das persoas con autismo e evita que rexeiten recibir atención sanitaria, segundo asegurou Teresa García, responsable de Sanidade da FAG
Desde a EOXI de Santiago, Antonio Álvarez enumerou os avances en atención ao paciente que se están levando a cabo en toda a área sanitaria de Santiago; dende a mellora en accesibilidade coa colocación de pictogramas, como na designación de profesionais sanitarios que atenden de xeito preferente ao paciente con TEA. Actualmente cóntase cun neurólogo e dúas xinecólogas de referencia.
Neste sentido, a responsable de área de Saúde de Autismo Galicia, Teresa García Barcala, destacou a suma importancia destas medidas que axudan a “reducir os niveis de estrés e ansiedade e evitan que un paciente con TEA deixe de acudir a unha consulta, que renuncie á atención sanitaria”. Teresa García Barcala explicou que a colaboración entre a EOXI de Santiago e a Federación Autismo Galicia propiciou que se superen numerosas barreiras no ámbito sanitario. Unha colaboración que continúa actualmente coa futura colocación de máis de 1.000 pictogramas na área de saúde da EOXI de Santiago.
Pola súa banda, Beatriz Pais Iglesias, subdirectora Xeral de Atención ao Cidadán e Calidade no Servizo Galego de Saúde (SERGAS), apuntou a necesidade de cohesión e de axuntar esforzos: “Estanse facendo cousas moi importantes. Estamos construíndo o camiño e debemos facelo todos xuntos. A liña da consellería de Sanidade é e seguirá sendo, a de atender ao paciente e, especialmente, ao paciente vulnerable.
A xerente de Autismo Galicia, Patricia Blanco leu o Manifesto polo Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, facendo un chamamento aos responsables políticos a eliminar barreiras que aínda seguen afectando ao colectivo, como “o descoñecemento sobre o autismo, os mitos ou a falta de apoios”. Finalizou dando as grazas pola súa “implicación” á EOXI de Santiago.
Finalmente todos os presentes no acto quixeron destacar o labor de Estrella López-Pardo, subdirectora de Calidade e Atención ao Paciente da EOXI, á que consideraron a “alma mater” do apoio ás persoas con autismo.