03/05/2017
Ambicioso plan para ampliar o Complexo Hospitalario de Santiago
Construírase a Facultade de Medicina a carón do CHUS e éste agrandará as súas instalacións
Segundo avanzou, o plan funcional definirase cos profesionais da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Santiago, co obxectivo de contar nun ano co proxecto de obra licitado. Así, nos próximos meses farase un plan sectorial da zona para coñecer as limitacións da zona dende o punto de vista de edificabilidade, urbanización e tráfico, mentres en paralelo, explicou, traballarase en sacar a concurso a contratación da obra da Facultade de Medicina, que entra dentro do concurso que o propio Sergas impulsou coa Universidade de Santiago.
Neste sentido, o traslado do Hospital Clínico á zona da Choupana, e a construción no seu contorno tamén do Centro de Investigación Molecular e do Centro de Biomedicina Experimental, sumado á evolución das necesidades en materia de docencia e investigación no eido da Facultade de Medicina da USC, levaron á necesidade de edificar unha nova Facultade de Medicina na parcela que actualmente ocupa o Hospital Gil Casares.
Para poder levar a cabo este proceso é necesario realizar importantes actuacións para liberar a parcela, como a obra do edificio actual do Hospital Gil Casares e as súas edificacións anexas. Todo isto conleva o traslado previo a outro edificio dos servizos e das unidades situados neles. “Iso dábanos -observou Almuiña- a oportunidade a nivel asistencial e de investigación, de innovación e formativo de poder mellorar as instalacións que xa tiñamos a nivel hospitalario”.
Polo tanto, o conselleiro sinalou que, aproveitando o tempo que dá a redacción do plan funcional, vanse definir a remodelación e os futuros usos da ampliación porque, se ben parte da Facultade de Medicina se poderá construír sen afectar ao Gil Casares, posteriormente haberá que trasladar a asistencia desde edificio ao Hospital Clínico e ao Hospital de Conxo segundo as especificacións que se decidirán coas achegas dos profesionais.
Facultade de Medicina como elemento vertebrador
A Facultade, dixo, é un elemento vertebrador de todo o sistema sanitario, destacando que o feito de poder estar nas clases teóricas e na práctica é moi importante non só para o alumnado senón tamén para os profesionais e para a formación; e lembrando que o edificio actual, que empezou a funcionar en 1928, ten actualmente limitacións funcionais e de accesibilidade.
Por último, indicou que no plan sectorial vaise estudar a capacidade de aparcamento desta área. Neste sentido, avanzou que hai programada unha xuntanza co alcalde de Santiago e con todos os partidos deste Concello para que, no ámbito das súas competencias, se faga un estudo de aparcadoiros e de mellorar o servizo de autobuses. “Queremos contemplalo cunha visión ampla coa colaboración do Concello, porque entendemos que é un proxecto importante para Santiago e toda a súa área”, afirmou.