25/05/2017
Xoves de festa picheleira en Compostela
A feira cabalar e os concertos de Myles Sanko e Eladio y los Seres queridos protagonizan hoxe a Ascensión
Compostela Decide
As rúas de Santiago son as grandes protagonistas das festas da Ascensión dende as 18:00 ás 20:00 horas nas prazas de Santo Agostiño, Toural, Obradoiro, Cervantes e Acibechería. Alí actuarán Ultreia, Brincadeira, Colexiata do Sar e Cantigas e Agarimos.
A praza do Toural será o punto neurálxico das actuacións dos grupos locais nestas festas da Ascensión, dentro das actividades programadas grazas ao proceso Compostela Decide de Orzamentos Participativos. Ás 18:00 horas haberá un obradoiro de comidas do mundo a cargo de Trópico de Grelos, que ofrecerán a partir das 19:30 h un concerto na propia praza. A partir das 21.00 horas será a vez de Brinkadelia.
Ademais, o Teatro Principal acolle a partir das 20:30 horas Voaxa e Carmín, obra de teatro dirixida por Xavier Castiñeira, con texto de Esther F. Carrodeguas sobre a vida e Maruxa e Coralia.
Myles Sanko
A praza da Quintana acolle a partir das 21:30 horas os concertos de Myles Sanko e Eladio y los Seres Queridos. Myles Sanko é cantante de soul e compositor británico, fillo de nai ghanesa e pai francés. É o embaixador do novo soul europeo.
Eladio y los Seres Queridos
É unha banda de indie pop español, xurdida arredor do compositor Eladio Santos. Actualmente está formada polo propio Eladio (voz e guitarra), David Outomuro (batería), Óscar Durán "Uka" ao baixo e Marcos Vázquez no piano e sintetizadores.
A programación do día grande da Ascensión non acaba aquí. A Alameda tamén é un punto de moita música grazas a actuación da orquestra Metrópolis, a partir das 22:30 horas.