26/05/2017
A Festa dos Maiores e o concerto de Antonio Carmona protagonizan o sábado da Ascensión
Tamén será unha xornada de competicións deportivas
Tamén dende as 10:00 e ata as 20:30 horas terá lugar o Campionato Galaico-Portugués Sub-17 masculino de hóckey a patíns. Participarán a Selección Galega e as seleccións das cidades portuguesas de Porto, Aveiro e Minho, que se enfrontarán no pavillón de Vite.
Ás 17:00 horas, a atención centrarase na Alameda coa celebración do LXI Torneo de Chave "Festas da Ascensión". Media hora máis tarde, o casco histórico de Compostela encherase de guerreiros imperiais co desfile Imperial Stormtroopers, que reunirá a miles de persoas nas rúas da cidade e cuxo traxecto finalizará na praza do Obradoiro arredor das 19:00 horas.
Música na rúa
A Banda Municipal de Lalín, a partir das 12:00 horas, ou as Corais na Rúa amenizarán a mañá e a tarde do sábado. Ás 17:00 horas, a rúa do Vilar acolle a interpretación de Amigos de Compostela e Asubío. Media hora despois, na Igrexa de Salomé é a vez de Pontemantible e La Salle. Ás 18:00 horas, A Xuntanza, Amigos do Castiñeiriño e A Ruliña na praza de Cervantes e, ás 18:30 horas, a atención trasládase á praza da Quintana, con Xúbilo, Coto da Nai e Santa Susana. Finalmente, na praza das Praterías, haberá unha actuación conxunta de Cantorum Compostellana Coniunctio.
Ademais da sesión de teatro a cargo de Mabel Rivera e Belén Constenla, que interpretan a Maruxa e Coralia no seu Voaxa e Carmín ás 20:30 horas no Principal, a praza da Quintana será o lugar elixido para a danza de Maduixa Teatre: Muliër a partir das 18:00 horas.
E como vén sendo habitual nestas festas, continúa o escenario de Compostela é! Música, no que actúan os músicos e grupos locais de Santiago. Este sábado é a vez do rock de Roberto Sobrado.
Antonio Carmona
Antonio Carmona chega a Compostela xusto despois de publicar o seu terceiro disco en solitario, que leva por nome Obras son amores e que pon á venda seis anos despois do último. O cantante presentará este esperado traballo producido polo propio Carmona e Daniel García Diego.
A cita é ás 21:30 horas na Quintana, aínda que antes será a vez de Translations Trío e convidados, con Marcos Teira (guitarra flamenca), Alfonso Calvo (contrabaixo), Moisés Fernández (caixón flamenco), Alejandro Vargas (piano) e Isaías Monteiro (baile).
A xornada do sábado pecharase musicalmente na Alameda coa orquestra Los Españoles, que comezarán a súa actuación ás 22:30 horas.