29/05/2017
Visitas guiadas e gratuitas á Compostela Medieval
As inscricións poden formalizarse na web www.rochaforte.info
Jorge Duarte explicou que "o obxectivo das visitas é contar a historia de Santiago durante a época medieval, e por iso as visitas ao Castelo da Rocha complementaranse con percorridos guiados pola muralla da cidade". Os dous elementos servirán como "fíos condutores dun percorrido polos tempos, espazos, personaxes e acontecementos da Compostela medieval".
Na mesma liña, a arquitecta municipal explicou que "o programa de visitas deste ano é máis ambicioso, porque inclúe dous escenarios distintos e complementarios". Lola Cerqueiro apuntou que "o Castelo e a muralla son dous símbolos do poder de Santiago, que serven de desculpa para coñecer un pouco mellor a historia da cidade e aprender a valorala aínda máis".
Visitas para grupos organizados ou para público en xeral
O programa inclúe tres tipos de visitas: á muralla, ao Castelo da Rocha Forte ou unha visita combinada ás dúas fortificacións. Neste caso, a visita inclúe o traslado en autobús.
As visitas serán os martes e mércores pola mañá para os escolares e para todo tipo de colectivos e asociacións, e os sábados e domingos para o público en xeral. En todos os casos, as visitas son de balde, pero é preciso inscribirse previamente, cando menos 24 horas antes do percorrido seleccionado.
As visitas estarán guiadas por monitores especializados en historia e historia da arte, que procurarán adaptar o seu discurso e as súas explicacións ás características de cada grupo de visitantes.
As inscricións poden formalizarse na web www.rochaforte.info. De xeito específico, os centros de ensino, colectivos e asociacións poderán inscribirse na mesma web, no teléfono no 685 860 773 ou no correo electrónico info@tesourosnovos.com.
Para calquera información, poderase acudir á Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación do Concello de Santiago, en horario de 9:00 a 14:00 horas.