04/06/2017
A Universidade de Santiago, entre as mellores do Estado
A última edición do U-Ranking coloca a USC no quinto posto de entre 61 universidades públicas e privadas
Ademais da clasificación xeral, defínese un segundo nivel de análise -U-Ranking Volume- que ten en conta o volume total de resultados, e no que a USC sube un posto con respecto á clasificación de 2016, pasando do 12 ao décimo primeiro lugar de entre as 61 universidades da clasificación.
No que respecta á avaliación da actividade investigadora, a USC ascende ao posto número 4 da clasificación, compartindo nivel con Cantabria e Illas Baleares. Para a avaliación deste capítulo considéranse os recursos públicos competitivos por profesorado doutor e os contratos de persoal doutor e bolsas de investigación e apoio técnico sobre o orzamento total; documentos citables con referencia ISI por doutor/a, sexenios totais sobre posibles e teses lidas por cada cen doutores.
Tamén se ten en conta o factor medio de impacto, a porcentaxe de publicacións no primeiro cuartil e as citas por documento, así como os fondos de investigación europeos ou internacionais por profesorado doutor e a porcentaxe de publicacións en coautoría internacional.
Neste capítulo, mídense os ingresos por licencias e por contratos de asesoramento e os de formación continua; así como o número de patentes por cada cen doutores e as horas de formación continua e o número de contratos por profesorado doutor. Finalmente, compútanse tamén as patentes comercializadas, as triádicas e os ingresos por contratos internacionais, informa a USC.