13/09/2017
Décima edición do tradicional concurso de tapas Santiago(é)Tapas
Os establecementos interesados poderán inscribirse a partires da última semana de setembro
Naquela primeira edición a Asociación Hostelería Compostela participou como colaboradora do evento, nunha fórmula que se seguiu nas seguintes tres edicións.
No 2012, cando se celebrou a quinta edición de Santiago(é)Tapas, a Asociación Hostelería Compostela encargouse de organizar directamente o concurso, contando con Turismo de Santiago como patrocinador institucional. Este modelo repetiuse durante tres edicións.
No ano 2015 foi a primeira ocasión na que Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela organizaron conxuntamente o evento gastronómico máis importante da cidade, que neste tempo tense consolidado xa como un referente fundamental para a promoción turística da gastronomía de Compostela. Nestes nove anos de concurso consumíronse máis dun cuarto de millón de tapas.
A edición deste ano de Santiago(é)Tapas contará con múltiples novidades para celebrar o seu décimo aniversario. Unha delas é un cambio de imaxe. A nova imaxe do concurso parte da unión das cores corporativas de Turismo de Santiago, laranxa, e da Asociación Hostelería Compostela, vermello, para amosar visualmente a unión entre ambas entidades na organización do evento.
Outra das novidades é que se modificará o Tapasporte. O concurso manterá o seu
funcionamento básico, pero contará cun novo formato para ir completando as diferentes rutas do concurso. Este novo formato será máis lixeiro e máis parecido á Credencial dos peregrinos, respetando a idea orixinaria do concurso de facer un simil coas etapas do Camiño de Santiago.
Nesta edición do concurso tamén se fará un recordatorio das tapas gañadoras das edicións celebradas ata o momento, moitas das cales se teñen convertido xa en petiscos clásicos da gastronomía de Compostela.
Aqueles establecementos interesados en participar poderán inscribirse a partires da última semana de setembro.