05/01/2018
Os Reis Magos chegan a Compostela ás 17.25 horas
Espérase que o mal tempo dé unha tregua e permita o seu desenvolvemento con normalidade
"A maxia das lendas" será o fío condutor desta edición, que contará con trasgos, fadas e mouras para contribuír a crear o ambiente máxico na nosa cidade con lendas da nosa cultura e mitoloxía. A encargada será a compañía Alehop, que acompañará a comitiva real ata a praza do Obradoiro. Unha vez alí chegará a vez da compañía Pablo Méndez, que realizará un espectáculo con música, danzas e acrobacias aéreas.
Percorrido
Os Reis Magos chegarán ás 17:25 horas á estación do tren, onde serán recibidos polos paxes e o resto da comitiva real antes de iniciar, ás 18:00 horas, o seu percorrido polas principais rúas do Ensanche de Compostela: Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez e praza do Obradoiro, a onde está prevista a chegada ás 19:30 horas. Alí serán recibidos polo alcalde e a Corporación ao son da música da Banda Municipal. A continuación escoitaremos o discurso real e veremos un espectáculo aéreo de gran beleza, para despois comezar a recepción real a todos os nenos e nenas que o desexen.
Este ano haberá sete carrozas realizando a cabalgata, dúas máis que o ano pasado: as tres dos Reis Magos, que estarán acompañados polos paxes e polos heraldos reais; a do Carteiro Real; a carroza da Serea Maruxaina; a carroza "Natureza máxica" e unha nova incorporación, a carroza que traerá os carbóns para aquelas persoas que terán o deber de mellorar o próximo ano.
Desfilarán 25 combos artísticos de diferentes temáticas, entre os cales atoparemos zancudos, espectáculos de pompas, danza, música, teatro ou circo. A participación aproximada deste ano será de 450 persoas,das que 200 son voluntarias.
Outra das peculiaridades desta cabalgata é elaboración de música orixinal para o inicio e remate da cabalgata feita polo artista Pulpiño Viascón. Repartiranse 2.000 quilogramos de caramelos sen glute e aptos para alérxicos ao longo do percorrido.