12/03/2018
Propostas lúdicas para as familas no mes de marzo
O calendario do Apego trae dende teatro a obradoiros
O pozo das señoras Rilo & Penadique é o título do espectáculo de música, narración e monicreques que se representará o venres 16 ás 18:00 horas, no Centro Cívico do Romaño. Da man de Vero Rilo e Sonsoles Penadique e no marco do Festival Atlántica, esta proposta está dirixida a crianzas a partir dos 3 anos. Entrada libre ata completar aforo.
Outra sesión de contacontos é a prevista para o mécores 21, ás 17:30 horas, no CSC do Ensanche. En A viaxe de Lup, Soledad Felloza conta a historia de Lupodivico Fernando Gómez de Tipiminí, un lobo moito mas pequecho que o nome tan longo que lle puxera a súa nai, e por iso todo o mundo lle chama Lup. Ete espectáculo está dirixido a nenos e nenas de 10 meses a 3 anos. Hai 25 prazas dispoñibles, polo que é precisa a inscrición entre o 10 e o 15 de marzo a través do correo electrónico dlg@santiagodecompostela.gal.
Teatro
A oferta teatral do mes inclúe a representación de O conto da Azuzaina, de Limiar Teatro, o domingo 18, ás 18:30 horas, no Teatro Principal. Este espectáculo familiar integra música en directo, malabares e manipulación de obxectos para tratar a temática da diversidade familiar dende una perspectiva lúdica e festiva, partindo da seguinte pregunta: Que é una familia normal? A túa.
Á imprenta da Azuzaina chega un encargo urxente: o libro das familias. Os operarios terán que dar o mellor deles mesmos e usar as máis aloucadas estratexias para completar o traballo a tempo. Un marabilloso xoguete escénico sobre as familias para gozar en familia e dirixido a nenos e nenas de 8 a 12 anos.
As entradas teñen un prezo de 4 euros, se ben se pode adquirir un bono familiar (4 entradas) por 12 euros. Véndense no despacho de billetes do Teatro Principal de martes a sábado (+ día do evento) de 18:00 a 21:00 horas, e tamén en entradas.abanca.com.
Poema visual
Tamén no Teatro Principal, o sábado 24 ás 18:30 horas, terá lugar a representación de Euria (Choiva) pola compañía vasca Markeliñe. Este premiado espectáculo é un poema visual, unha proposta sen palabras, teatro sen voz.
A obra, dirixida a nenos e nenas a partir de 6 anos, foi galardoada co premio ao mellor espectáculo nos FETEN 2017. As entradas teñen un prezo de 4 euros, coa posibilidade de adquirir un bono familiar (4 entradas) por 12 euros, tamén a través do despacho de billetes do Principal ou de entradas.abanca.com.
Obradoiro
Ese mesmo sábado 24, o Apego completa a súa programación de marzo cun Obradoiro de recoñecemento das árbores. Será no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), en Belvís, a partir das 11:30 horas.
Esta é unha actividade para rapaces e rapazas a partir de 6 anos. A participación é de balde, pero precisa inscrición a través do teléfono 981 543 145 ou do correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal.